Wednesday 24 de April de 2024

A Xunta contribúe á celebración da 70ª Temporada Lírica da Coruña coa posta en escena da Ópera “Norma” como prato forte


— O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación do programa deste ano, que conta cunha achega de 150.000 euros por parte do Goberno autonómico

— Ademais da emblemática obra de Bellini, a cidade herculina acollerá de setembro a decembro unha quincena de citas co bel canto, entre recitais, galas especiais e actividades formativas

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, participou hoxe na Coruña na presentación da 70ª edición da Temporada Lírica da Asociación Amigos de la Ópera, que volve contar co apoio económico do Goberno galego a través dun convenio de colaboración dotado con 150.000 euros. A posta en escena da famosa ópera de Bellini Norma será un dos pratos fortes da programación deste ano, que entre setembro e decembro ofrecerá unha quincena de citas para os amantes do xénero lírico, entre recitais, galas e actividades formativas.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades felicitou a organización pola proposta deste ano e aproveitou para darlle a benvida ao novo director artístico da Temporada Lírica, Aquiles Machado. “Estamos, de novo, diante dun completo acontecemento cultural, que sitúa A Coruña e Galicia no foco de atención para todos os artistas e espectadores de ópera”, subliñou.

Un milleiro de concertos en 2021
Sutil enmarcou esta colaboración da Xunta no seu labor de promoción e fomento de moi diferentes ciclos, circuítos e eventos arredor da música como expresión artística universal e diversa. Así, por exemplo, e só a través das actividades participadas economicamente polo departamento de Industrias Culturais, o ano pasado contribuíuse á celebración en Galicia dun milleiro de concertos de todos os estilos.

Ao respecto da Temporada Lírica, destacou tamén a celebración deste 70º aniversario a prol da difusión do bel canto entre o público da área coruñesa e do resto de Galicia, pero tamén da posta en valor dos intérpretes galegos deste xénero, “situando a nosa Comunidade nos circuítos de distribución internacional do máis selecto da música culta”.

Principais citas deste ano
Dentro do programa deste ano, fixo fincapé na representación, os días 22 e 24 de setembro no Teatro Colón da ópera Norma, de Bellini, título emblemático do repertorio universal, coa súa mítica aria Casta Diva. José Miguel Pérez Sierra asumirá a dirección desta obra, coa música da Orquestra Sinfónica de Galicia e as voces de Veronika Dzhioeva, Nicole Brandolina, Moisés Marín, Rubén Amoretti e o Coro Gaos.

Ao longo destes catro meses dedicados á lírica, sucederanse en diferentes escenarios coruñeses outros destacados recitais, como o de Asmik Grigorian o 1 de setembro, as interpretacións en versión concerto de A forza do destino, de Verdi, o 3 de setembro e Ariodante, de Händel, o 9 de novembro, a gala de conmemoración do 70º aniversario o 10 de setembro ou o concerto de clausura co tenor Roberto Alagna o 7 de decembro.

Ademais, a Asociación Amigos de la ópera ofrecerá un curso de canto a cargo de Mariella Devia, a experiencia lírica inclusiva ou os apartados reservados para a proxección dos intérpretes galegos, desta volta dedicados a Lorena Paz, Susana García e Luis Cansino.